Todogrove A Galería Besada convida a un itinerario entre as paisaxes urbanas e imaxinarias de Baamonde

19
organizacion-no-img-big1

 

A Galería Besada acolle ata o 11 de maio unha mostra dos traballos do artista cambadés Eduardo Baamonde. O gañador da última edición do premio de pintura Ernesto Goday, impulsado polo Concello do Grove, expón un total de 19 cadros de distintos formatos que, no seu conxunto, propoñen ao visitante un paseo a cabalo entre as paisaxes urbanas mecas máis reais e outras xurdidas da propia imaxinación do autor; e a través das que éste pretende realizar unha “pequena reflexión sobre os xeitos de vivir do ser humano, que en moitas ocasións fai uso do territorio sen pensar que despois del vai haber moitos máis que precisen facer o mesmo”. Unha proposta que coincide coa celebración do cuarto aniversario do espazo expositivo que dirixe Carlos Álvarez Besada, e que convida a deixarse levar pola suxestión e a maxia. Que a Galería Besada inaugure unha exposición de quen hai escasos días foi recoñecido co primeiro premio do Ernesto Goday é, aínda que non o pareza, un feito casual. Hai tempo que o artista lucense afincado en Cambados e o responsable desa sala viñan argallando unha mostra que, dalgún xeito, culminase todas as horas de traballo que Baamonde dedicou nos últimos anos a retratar a vila grovense. Foi con motivo do caderno de acuarelas editado, precisamente, por Todogrove; e que cuxa xesta contribuíu a que “a familiarización coa contorna urbana e a relación coa paisaxe natural do Grove” do artista fose medrando.

A exposición que estes días pode visitarse na galería da rúa Concepción Arenal dedica un pequeno apartado a esas acuarelas mecas. Aínda que, na súa maior parte, está composta por acrílicos. Entre estes atópase a obra gañadora do Ernesto Goday, “Porto Meloxo”; cedida para a ocasión polo Concello. E é que se une outra panorámica de gran formato do centro de vila grovense; e unha selección de obras de menor tamaño que percorren algúns dos “temas recorrentes” do autor nos últimos anos. Trátase das “illas”, que falan do “mundo fronteirizo entre a realidade e a fantasía”; unha serie de “escenarios posibles pero non referidos a nada que coñezamos”. E das estrafalarias e entrañábeis personaxes dos “melancómicos”, que “permiten crear relatos sobre os distintos estados de ánimo ou os xeitos de hábitat”.