A Garda Civil denuncia a unha persoa que fumaba cannabis nunha terraza

17
boyardo-2-350x186-5744884

sin-tc3adtulo-1-1000x666-2362752

Un mínimo de 601 euros, que poderían ser ata 20.200 segundo quede ou non demostrada a reincidencia do infractor. É a sanción económica á que se enfronta a persoa contra a que esta mañá a Garda Civil levantou acta por consumo de cannabis nun lugar público. Aconteceu arredor do mediodía na terraza dun establecemento hostaleiro da céntrica Rúa da Praza; ata onde se desprazou unha patrulla da benemérita que, segundo informa a propia Comandancia, se atopaba realizando unha inspección rutinaria. A multa aplicarase unicamente ao consumidor, e non suporá prexuízo para o bar en cuestión. No lugar estaba a ser fumado o que popularmente se coñece como “porro” ou “canuto”. Acto tipificado por lei como unha infracción administrativa grave, ao implicar consumo e tenencia de drogas nun espazo público. O artigo 39 da Lei de Protección da Seguridade Cidadá establece que as infraccións graves, entre as que se atopa a tenencia e o consumo de sustancias estupefacientes ilegais en lugares públicos, serán sancionadas con multas de entre 601 e 30.000 euros. A comisión dunha infracción como a rexistrada hoxe no Grove supón, nun principio, a aplicación dese réxime sancionador en grao mínimo; o que se corresponde no caso de que sexa a primeira vez que a persoa é amonestada por consumir ou portar drogas en lugares, establecementos ou vías públicas. E que se traduce en multas de 601 a 10.400 euros. Para fixar o importe exacto a abonar en cada caso individual, a lei establece unha serie de criterios a ter en conta: a entidade do risco producido para a seguridade cidadá e a saúde pública; a contía do prexuízo causado; a transcendencia do prexuízo para a prevención, mantemento ou restablecemento da seguridade cidadá; a alteración ocasionada no funcionamento dos servizos públicos; o grao de culpabilidade; o beneficio económico obtido da comisión da infracción; e a capacidade económica do infractor.

No caso de comprobarse que a persoa infractora é reincidente; é dicir, que cometeu outra infracción do mesmo tipo dentro dos últimos dous anos; aplicarase automaticamente o grao medio do citado réxime sancionador, independentemente doutro tipo de consideracións. Nese caso a multa será de entre 10.401 e 20.200 euros.

Artigos relacionados

boyardo-2-350x186-5744884