A Lanzada despídese do Obradoiro de Hostalaría, que tras sete anos marcha a Sanxenxo

1
obradoiro-4-150x150-6827273

 

As instalacións do complexo vacacional da Lanzada, que dende hai sete anos acollían as aulas do Obradoiro de Hostalaría do Salnés, despedíronse hoxe dunha actividade formativa que, por decisión da Mancomunidade, o ano que ven se realizará nun local do porto deportivo de Sanxenxo. Os 22 alumnos que participaron na derradeira edición que, cando menos polo momento, se celebrará no Grove, recolleron esta mañá os diplomas que acreditan os coñecementos adquiridos nos últimos seis meses. Fixérono nun acto dirixido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde; e que congregou a representantes da política provincial, comarcal e local. “Hoxe pechamos un ciclo deste Obradoiro de Hostalaría, do que agardo que sacarades o maior rendemento. Espero que no futuro estas instalacións continúen ao servizo de organismos que aposten pola formación e por sacarlles todo o proveito”. Son palabras do alcalde do Grove, Jose Cacabelos, durante a apertura do acto de entrega de títulos celebrado na mañá deste luns na Lanzada. Acto durante o cal tanto o rexedor local como o presidente da Mancomunidade, sentados á mesma mesa, deixaron que os protagonistas fosen os alumnos e evitaron entrar nunha polémica que, obviamente, planeaba no ambiente. Gonzalo Durán confirmaba ao remate da cerimonia que o traslado do Obradoiro a Sanxenxo, recentemente aprobado polo pleno do organismo mancomunado, é unha realidade que non ten volta atrás. Un restaurante situado nas instalacións do porto deportivo de Sanxenxo “que nestes momentos unicamente se dedica a realizar eventos durante o verán” será o escenario da próxima edición das aulas de hostalaría. Trátase dun local “totalmente acondicionado e equipado, que conta cunha superficie de entre 500 e 600 metros cadrados e que está listo para poñerse a traballar nel”. O traslado acordado pola Mancomunidade non ten sentado ben no Concello do Grove. Pero tampouco na Deputación, propietaria das instalacións nas que o obradoiro viña realizándose ata agora. A responsable de Asuntos Sociais do goberno provincial, Digna Rivas, aseguraba ao remate do encontro desta mañá que ese organismo nada tivo que ver na aposta dos municipios do Salnés por Sanxenxo. “Desde a Deputación seguimos estando a disposición dos concellos e apostando pola formación, e penso que o que ten que primar sempre é a quen van dirixidos estes obradoiros e cal é a súa finalidade”, afirmou a deputada; que tamén fixo fincapé no feito de que “as instalacións da Lanzada seguirán abertas a este tipo de iniciativas, ás que a Deputación non puxo nin poñerá impedimentos”.

O alcalde do Grove, pola súa banda, non dubida de que o traslado se debe a “un capricho; unha decisión persoal do presidente da Mancomunidade para tentar conseguir apoios para a presidencia. E proba diso é o feito de que a representante do Partido Popular do Grove votou en contra”. Cacabelos destacou o “traballo conxunto” realizado ata agora: “contamos cunhas instalacións óptimas, e nunca houbo obxeccións por parte de ninguén”, asegura o rexedor grovense, que considera “moita casualidade que isto coincida cun cambio de goberno tanto a nivel local como na Deputación”. O socialista entende que “a forma en que se tomou esta decisión, a espaldas do Grove, é un erro. Creo que se está facendo unha lectura política dun ente que representa os intereses conxuntos dos concellos do Salnés, e querer plantexar unha guerra entre eles non beneficia a ninguén”.

Inserción laboral do 90%
Dos 22 alumnos que participaron na sétima edición do Obradoiro de Hostalaría, 19 xa contan cun contrato de traballo. Cifras que falan do éxito dunha iniciativa “creada co obxectivo claro de acadar a integración laboral” dos participantes. Destacárono tanto Gonzalo Durán como o conselleiro José Conde López, que loubou o “saber facer” do equipo docente, e tamén duns profesionais que pronto se incorporarán “a un dos sectores máis importantes a nivel local como son a hostalaría e o turismo”. O responsable autonómico de Economía, Emprego e Industria ratificou o apoio futuro da Xunta á formación e aos obradoiros de emprego: “seguiremos colaborando tanto cos Concellos a nivel individual como coa Mancomunidade”, asegurou.

Comentarios