Todogrove A xuíz anula unha sanción ao considerar que o sistema dos semáforos-foto non aporta probas suficientes

19
9b45964a-038c-4138-82b4-0dd9d47843db_16-9-aspect-ratio_default_01

 

O sistema empregado polos semáforos-foto que ata hai algúns meses funcionaban no Grove non aporta garantías nin probas suficientes para demostrar que os condutores multados cometeran a infracción que se lles atribúe. É o argumento sobre o que se asenta a sentenza emitida a pasada semana polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra; que anula a sanción imposta a unha grovense e obriga a reintegrarlle tanto a contía económica abonada como os 4 puntos que lle foron retirados do carné de conducir. Trátase da primeira resolución favorable recibida polo despacho de avogados grovense Foro Lex. E, en vista dos argumentos esgrimidos pola xuíz da sala provincial, a letrada Diana Otero Mascato confía en que non sexa a última. Dende hai varios meses o bufete da avogada grovense Diana Otero traballa na tramitación de arredor de 130 sancións relacionadas cos polémicos semáforos-radar. Nestes momentos Foro Lex ten presentadas outras dez demandas, interpostas por condutores multados nos semáforos de Xoán XXIII e Tenente Domínguez. Ás que hai que sumar outras 30 arquivadas en vía administrativa, e a correspondente á sentenza favorable recén recibida. E segundo explican dende esta asesoría, en todos os casos a casuística é semellante, polo que confían en que esta sentenza sexa a primeira dunha lista máis longa. A resolución ditada pola xuíz de Pontevedra baséase no feito de que “o dato da velocidade á que circula o vehículo non se almacena nin é facilitado polo sistema”. Ou o que é o mesmo: este “non está sometido a control metrolóxico algún, e polo tanto non pode facer proba válida dos feitos que se denuncian” ao non existir rexistro dos parámetros de distancia e tempo. A pesar de que as imaxes captadas demostraban que a condutora sancionada rebasou o semáforo cando este se atopaba en vermello; a responsable da sala pontevedresa entende que, ao non existir control metrolóxico, non é posible determinar que o cambio de cor do sistema non se debera a un fallo do mesmo. Hipótese que respalda o feito de que o pasado verán o semáforo da avenida Tenente Domínguez tivese que ser desconectado tras detectarse un funcionamento totalmente aleatorio do mesmo. “O que resulta esencial para valorar a comisión da infracción é que esta non sexa provocada polo propio sistema. Isto é, que se ben é certo que o condutor ten a obriga de deterse ante un semáforo en vermello (xa sexa semáforo de cruce ou intersección, rexido por pulsador para peóns, ou por este sistema de foto), o que non pode esixirse a un condutor, por un principio básico de seguridade xurídica e confianza (e mesmo de seguridade material ante as reaccións bruscas que se poderían producir na estrada) é deterse ante calquera semáforo vermello que en calquera ubicación ou momento se lle presente. Senón que deben darse unhas mínimas garantías de que pode deter o seu vehículo en condicións de seguridade”, reza o texto da sentenza.

Na mesma liña, a defensa realizada pola avogada de Foro Lex destacou que tanto a documentación aportada pola condutora sancionada como pola Policía Local demostran que “con posterioridade aos feitos polos que se sancionou á demandante houbo unha modificación no sistema para incrementar o tempo de reacción”, e foron detectados “problemas no seu funcionamento”.

etiquetas :multas, semaforos