Todogrove O Concello impulsa un plan para dinamizar o comercio que fará fincapé na formación

15
pleno-13-1000x666-4117561

pleno-13-1000x666-4117561

A concelleira de Turismo, Emma Torres, convocou esta semana aos membros da Mesa Local de Comercio para presentarlles o borrador dun novo plan director, pensado para dinamizar e reactivar ese sector. Trátase dun documento fundamentado sobre os eixos das infraestruturas; a formación; o control e a calidade; e a promoción. E que entre as súas ideas forza inclúe unha decidida aposta pola mellora da capacitación profesional, a través dun plan formativo que abra novos nichos de mercado e incremente a especialización e os coñecementos dos traballadores do sector servizos. A progresiva peonalización do centro urbano; a actualización da ordenanza que regula o funcionamento e distribución do mercadillo; a creación dunhas bases que establezan os criterios para o reparto dunha nova liña de axudas dirixidas ás asociacións empresariais; e o deseño dunha ordenanza de publicidade e sinalización; son outros dos aspectos recollidos nun documento que será abordado máis polo miúdo cos axentes implicados. Poñer en marcha unha serie de actuacións que contribúan a fortalecer o tecido e a actividade comercial da localidade. É un dos obxectivos que se fixa a edil de Turismo; interesada en asentar dinámicas que contribúan a unha mellor sinerxía de colaboración entre o Concello, o colectivo de vendedores da praza de abastos e o comercio local; así como cos taxistas e os responsables de postos do mercadillo. As infraestruturas son o primeiro capítulo recollido no plan director deseñado por Torres. Nel distínguese a liña a seguir nas tres principais áreas comerciais da vila: a zona urbana, a do entorno do mercado e a da Toxa. Tal e como o alcalde manifestou xa en varias ocasións, o Concello avoga pola peonalización do centro; concretamente da área que vai dende a Confraría ata a rúa Castelao. A Policía Local está a traballar xa no deseño dun informe de tráfico, e a concelleira confirma que Luís Seoane se verá novamente liberada de vehículos antes do verán. “A peonalización desa rúa non presenta ningunha complicación. De feito os problemas que existen nela veñen precisamente a consecuencia do tráfico rodado”, afirma Torres, que asegura que “a partir de aí, cada actuación que vaiamos impulsando irá sempre amparada por informes policiais e de enxeñeiros, e tendo en conta as aportacións e puntos de vista dos comerciantes e outros colectivos da zona”. Ademais, a edil comprométese a que o peche de rúas aos vehículos levará sempre parella a habilitación de zonas de estacionamento que suplan as prazas perdidas. As actuacións para a zona da Toxa céntranse en non descoidar o mantemento das distintas áreas verdes e parcelas das que o Concello é responsable. Mentres que no que se refire á praza de abastos, a concelleira de Turismo agarda poder sentar coa recen nomeada nova directiva da asociación de vendedores para decidir a folla de ruta futura. Este ano a Xunta non ten habilitado axudas que permitan impulsar novas reformas nun edificio que, pola súa antigüidade e ubicación, sufre un deterioro constante. “Hai cousas que hai que mellorar, pero queremos sentar e discutir con eles para decidir por onde podemos tirar”, indica Torres. A concelleira quere contar tamén coa colaboración da Confraría de Pescadores para a posta en marcha dun plan formativo dirixido a mellorar a capacitación dos profesionais locais. O catálogo deseñado toca acción relacionadas coa comercialización de produtos do mar, o turismo ou a dinamización da praza de abastos. E “enlaza cos obradoiros de emprego que xa solicitamos”. Á espera de ver cales son as novas actividades concedidas pola Xunta para o Monte das Flores, O Grove ten pedido algunhas “clásicas”, como poden ser a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, ou a promoción turística; e outras máis innovadoras, pensadas para diversificar a capacitación profesional e contribuír a desestacionalizar a economía local. Nesa liña irían os cursos de adestramento canino; produción e animación musical e visual en vivo; ou animación físico-depotiva e recreativa.

“Cremos que o comercio ten que ter un forte vínculo co turismo”, explica a concelleira, que tentará fomentar a imaxe do Grove como destino comercial e de ocio.