Todogrove O goberno local esixe a Europa “unha resposta humanitaria urxente” para os refuxiados

17
refuxiados
refuxiados

 

O Concello amosa “o seu rexeitamento ao acordo acadado entre as e os xefes de estado e de goberno da Unión Europea con Turquía, que contempla a devolución a Turquía de todos os emigrantes, incluídas as persoas demandantes de asilo sirias e de calquera outra nacionalidade, que cheguen á Unión Europea”; e esíxelle a esta e aos estados membros “unha resposta humanitaria urxente ante a grave situación que viven as persoas refuxiadas, respectuosa co dereito internacional de asilo e os dereitos humanos”. Así o reflexa a moción elaborada polo PSOE, que o grupo local de goberno someterá a debate plenario na sesión prevista para o vindeiro luns, día 28. Ademais, a bandeira europea ondea dende o venres a media hasta no balcón da casa consistorial meca; cuxo goberno quere deste xeito mostrar o seu desacordo co xeito en que o organismo comunitario está a xestionar a chegada dos milleiros de persoas que foxen da guerra. O Concello ven de unirse aos municipios que nos últimos días decidiron visibilizar o seu desacordo coas políticas migratorias e de asilo da UE. “Unhas medidas que son contrarias aos principios de igualdade e solidaridade que defenden as institucións democráticas”, e que o goberno local agarda sexan condenadas tamén polos demais membros da corporación. O posicionamento pasa porque O Grove solicite “a retirada de calquera acordo, pacto, convenio ou proposta de acción que non respecte o dereito internacional de asilo ou convenios internacionais sobre dereitos humanos asinados pola Unión Europea”. E se sume ao “Manifesto Pasaxe Segura, subscrito por multitude de organizacións sociais, sindicatos e partidos políticos de toda Europa” para instar á creación de corredores humanitarios “que posibiliten, desde o respecto, o asilo destas persoas entre os 28 estados membros da Unión Europea”.

O texto impulsado polos socialistas será abordado no mesmo pleno no que o goberno local tentará aprobar os orzamentos municipais para este ano.

etiquetas :pleno, PSOE, refuxiados