Todogrove O Grove sae á rúa en repulsa contra o lume e a política forestal da Xunta

17
repulsa contra o lume
repulsa contra o lume

 

Arredor de duascentas persoas reuníronse este luns na Praza do Corgo para amosar a súa absoluta repulsa ante a vaga de incendios que nas últimas horas puxo en extrema alerta á poboación galega. Despois dunha dramática noite na que as lapas devoraron milleiros de hectáreas de monte e levaron por diante a vida de, cando menos, catro persoas; a veciñanza grovense decidiu, de xeito espontáneo, sumarse ao acto de protesta celebrado simultaneamente en diferentes vilas e cidades de dentro e fóra de Galicia. Non faltaron entre os asistentes diversos concelleiros, tanto do goberno local como dos grupos da oposición. Pero o protagonismo tívoo a cidadanía; que tomou a iniciativa para mobilizar á poboación local a través de redes sociais e mensaxes a móbiles; conseguindo así que O Grove figure entre os arredor de 40 municipios que, coas lapas aínda ardendo en numerosos puntos, decidiron saír á rúa para converter a dor e a carraxe en protesta.

Unha veciña foi a encargada de dar lectura ao manifesto redactado polo Comité de Defensa do Monte Galego. Dese xeito o municipio facía seu un posicionamento que avoga pola dimisión inmediata da conselleira do Medio Rural e do Mar e do secretario xeral de montes. Pero tamén do presidente da Xunta de Galicia, debido á “inadmisible resposta loxística e de comunicación que está a dar” o goberno galego a esta crise.

A Policía Local deu tamén exemplo de solidariedade coa situación; e non dubidou en prestar a megafonía dun dos seus coches patrulla para que a lectura do manifesto puidese oírse en toda a praza.

A continuación reproducimos o texto íntegro do Manifesto Lume Nunca Máis:

En primeiro lugar, e en nome de todos os colectivos e persoas que integran o Comité de Defensa do Monte Galego e de todas as persoas aquí presentes, o noso máis sinceiro pésame ás familias das catro persoas falecidas nos incendios e todo o ánimo e toda a forza ás persoas que permanecen ingresadas para a súa pronta recuperación.

Manifestamos o orgullo propio de ver un pobo forte, que se bota ás rúas e ao monte a salvar o que é seu. O recoñecemento a todas as persoas que están a traballar arestora e ao longo de todo este tempo na extinción e prevención dos lumes.

Saudamos a todas as persoas mobilizadas espontaneamente polo país, e á solidariedade recibida dende todas as partes do mundo. Hoxe estamos a berrar lume nunca máis dende Galiza, dende Catalunya, dende Madrid, Sevilla, Brescia, Bruxelas, e tamén dende Lisboa.

Estamos tristes. Moi tristes e doídos polo acontecido nestes días, nestes meses, nestes anos… nos nosos montes, pola deixadez por parte dos gobernantes. Pola ausencia de reacción. Pola ocultación manifesta da realidade mediante mentiras e enganos por parte do goberno da Xunta. Pero non é unha tristura de derrota, senón de carraxe e de impotencia, xunto á necesidade de atopar solucións.

Por dignidade e como reacción diante da destrución dunha boa parte do patrimonio natural de Galicia, naceu o Comité de Defensa do monte Galego. E por iso estamos hoxe a participar neste acto de desagravio cos nosos ecosistemas forestais.

As perdas económicas, ecolóxicas e sociais que os lumes producen nos nosos montes fan que nos indignemo. Esta indignación debe producir unha reacción. Reacción que, unha vez máis, non se produciu por parte dos resonsables da política forestal do país.

Innumerables os lugares afectados polos incendios. Moitos deles espazos naturais protexidos, parques naturais, reservas da biosfera, ecosistemas de gran valor económico e medioambiental. Moitos dos incendios ofrestais calcinaron estas zonas de forma descontrolada por falta de medios, tanto materiais como humanos. E non tivemos máis perdas persoais ou materiais grazas á profesionalidade e á abnegación das trballadoras e traballadores das brigadas forestais.

Centos de incendios forestais, miles de hectáreas calcinadas… Unha perda económica, ecolóxica e social que o noso país non se pode permitir, non pode continuar a asumir tanta perda. Perdas que afondan aínda máis na ausencia de alternativas económicas e sociais no territorio galego.

Miles de hectáreas calcinadas e cos servizos forestais da xunta de Galicia baixo mínimos. Por incompetencia e deixadez dos responsables do goberno.

Dende o Comité de Defensa do Monte Galego propomos as seguintes medidas para a reordenación do espazo agroforestal de Galicia:

Primeiro: a modificación do Consello Forestal Galego, coa revisión da súa composición actual, integrando nel todos os axentes sociais.

Segundo: necesidade dun plan estratéxico de xestión do monte galego que marque un cambio na política agro-forestal, e que acade o consenso necesario entre todos os grupos políticos e sociais e, en particular, dos propietarios forestais.

Terceiro: a Fiscalía contra incendios debe ser dotada de medios técnicos, humanos e económicos para mellorar a investigación dos lumes. Nesta tarefa é necesaria unha perfecta coordinación entre as forzas de orde pública e os servizos forestais. O abandono do rural está dando paso a un novo tipo de lumes que aumentan considerablemente os riscos humanos sobre as poboacións rurais.

Cuarto: transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios. Facilitarlle á opinión pública o coñecemento da realidade, de xeito que poida reaccionar de forma positiva diante desta problemática.

Quinto: os equipos de extinción deben estar baixo un mando único e depender na súa totalidade da Consellaría do Medio Rural.

Sexto: ordenación dos cultivos agrarios e forestais e mobilización produtiva das terras, asignándolles as localizacións máis axeitadas, evitando o aumento da superficie ocupada por especies de medra rápida.

Sétimo: posta en marcha inmediata de plans de restauración e recuperación das zonas afectadas por incendios nos últimos anos.

Oitavo: implicar na conservación e protección do patrimonio natural a todas as consellarías do goberno galego e mellorar a coordinación coas administracións públicas, central e local.

Noveno: trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais e fomentar en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización).

Décimo: establecer sistemas de axuda económica (subvencións e exencións fiscais) para montes públicos, conveniados ou privados, orientados á conservación.

Décimo primeiro: fomentar a creación de emprego, así como a estabilidade das persoas que traballen en labores relacionados coa multifuncionalidade do monte. Cómpre tamén profesionalizar as tarefas de prevención, detección e extinciión.

Décimo segundo: converter o monte nun motor xenerador de recursos e desligar estes da actividade incendiaria e da súa xestión.

Décimo terceiro: potenciar a creación de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.

Décimo cuarto: compromiso por parte de todos os grupos parlamentarios de instar á modificación da Lei de Montes. Tanto no estado español como en Galicia, respectando o carácter singular dos montes en man común do noso país.

Ao mesmo tempo, dende o Comité de Defensa do Monte Galego, esiximos:

Investigación das causas dos incendios forestais, aproveitando todos os recursos cos que contan as administracións públicas e instaurando as brigadas de investigación de incendios forestais, integradas por axentes forestais e desmanteladas polo goberno.

Mapa de medios e recursos, substitución inmediata dos medios e materiais obsoletos dos servizos ofrestais da Xunta de Galicia por equipamentos axeitados para mellorar a eficacia, a protección dos ecosistemas forestais e a protección colectiva da cidadanía.

A posta en marcha de forma inmediata do imprescindible plano de prevención de riscos laborais nos servizos forestais da Xunta de Galicia. Recoñecemento inmediato da categoría de bombeiro forestal.

Incremento dos investimentos no sector forestal, recuperando o imprescindible binomio prevención-extinción.

Todo o digo anteriormente non se pode acadar se non hai vontade política dos actuais gobernantes. Esiximos á actual Xunta de Galicia que, diante de máis de corenta anos de fracasos na loita contra os lumes forestais, atopen ou creen canles de diálogo e participación para consensuar co resto dos partidos políticos e representantes sociais unha política forestal e de prevención-extinción de incendios forestais axeitada.

Dende o Comité de Defensa do Monte Galego queremos amosar a nosa solidariedade coas zonas afectadas polos incendios forestais e a nosa solidariedade e apoio aos profesionais forestais que se adican á prevención e extinción de incendios. Se os actuais responsables da Consellaría do Medio Rural e do Mar tiveran un mínimo de principios éticos e morais, principios esixibles, dimitirían instantaneamente. Dada a súa irresponsabilidade, incompetencia manifesta, agochamento da realidade mediante enganos e mentiras, á demostración do descoñecemento da realidade do país e dos seus valores medioambientais, dende o Comité de Defensa do Monte galego, esiximos:

-A dimisión inmediata da conselleira do Medio Rural e do Mar e do secretario xeral de Montes.

-Consideramos inadmisible a resposta loxística e de comunicación que está a dar a Xunta de Galicia, e solicitamos a dimisión do presidente Feijóo.

Este Comité de Defensa do Monte Galego, considera:

-En galicia é factible outra política forestal.

-Rematar cos incendios forestais é posible.

-Conservar, protexer e coidar o noso patrimonio natural é imprescindible.

É preciso que nos concienciemos todas e todos de que somos responsables do medio natural. Que somos responsables do futuro que lles deixamos aos nosos fillos e fillas. Que na nosa man está rematar con esta triste parte da nosa historia.

 Lumes nunca máis! O noso monte importa!