O hotel Serantes inaugura etapa da man dunha nova xerencia

5
serantes-1-150x150-6375200

 

O Serantes, situado na céntrica rúa Castelao, celebrou onte á noite á súa reapertura. E é que o emblemático establecemento familiar inicia unha nova etapa, da man dunha xerencia que levarán a partes iguais as irmás María e Mila Piñeiro, naturais de Vilanova de Arousa. Elas serán as encargadas de dar continuidade a un negocio que, a pesar do relevo propiciado pola xubilación da súa antiga responsable, seguirá a caracterizarse polo seu ambiente familiar. E que onte abriu as súas portas para compartir o inicio deste novo camiño convidando a familiares, amigos, políticos e hostaleiros da contorna a un viño e uns pinchos. Con 32 dormitorios, o Serantes foi sempre un establecemento de marcado carácter familiar; un deses proxectos de vida que acompañan aos seus responsables ao longo dos anos. Pero María Rosa Serantes, alma mater deste negocio, está xa en idade de xubilarse. E tras terse desfeito do posto que rexentaba na praza de abastos municipal; ten decidido delegar tamén no que ao hotel se refire, e abrir unha nova etapa máis libre de preocupacións e responsabilidades. Despois de 23 anos traballando como asalariada no sector servizos e na hostalaría, María Piñeiro buscaba dar un xiro á súa vida laboral, e comezou a darlle voltas á idea do autoemprego. Púxose a buscar establecementos hoteleiros que xa estivesen en marcha e que se traspasasen ou alugasen por un ou outro motivo; e así deu co Serantes. Un negocio ben mantido e coidado, listo para poñerse a traballar e abrir as portas sen máis dilación. Máis aló dalgúns pequenos “toques”, cos que as irmás Piñeiro procurarán deixar a súa impronta persoal na imaxe do hotel, éste mantense exactamente igual que ata o de agora. As novas responsables contarán co respaldo dos seus respectivos maridos, que tamén teñen experiencia no sector, á hora de afrontar o día a día; e contarán tamén cunha parte dos traballadores que o hotel xa tiña para conformar unha plantilla composta por 7 persoas; pero que podería reforzarse cara á tempada alta.

Á reinauguración non faltaron as familias Serantes e Piñeiro. Entre os convidados estiveron tamén o alcalde e a concelleira de Turismo.

serantes-1-150x150-6375200