Todogrove O mar celebra a retirada da Lei de Acuicultura, pero chama a manifestarse igualmente o sábado

6
ley-de-pesca-y-acuicultura
ley-de-pesca-y-acuicultura

 

“Sen ningún tipo de dúbida a retirada do anteproxecto da Lei de Acuicultura é unha moi boa nova; pero de calquera xeito seguiremos adiante coa manifestación”. Son palabras do patrón maior grovense, Antonio Otero; que cre que os traballadores do mar deben aproveitar a unión acadada nos últimos meses, grazas á oposición frontal de todos os sectores ao proxecto lexislativo elaborado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia. “Esta lei colleunos a todos en contra. Pero, independentemente de que a Xunta a retire, existen moitos outros problemas que nos afectan, e creo que sería bo para todos aproveitar a unión acadada neste momento para loitar xuntos na busca doutras melloras”, explica o responsable da Confraría de San Martiño, que “anima a toda a xente a que vaia igual a Santiago”. Tamén o presidente da cooperativa mexilloeira Amegrove celebraba esta mañá a boa nova, anunciada pola conselleira Rosa Quintana na televisión pública galega e comunicada por escrito “aos preto de 300 directivos do sector aos que se enviara o borrador da lei”. Aínda que Francisco Padín deixa en mans da asemblea de socios de Porto Meloxo a decisión de se acudir ou non á manifestación “A prol do sector do mar” que o sábado, ás 11.30, partirá da Alameda da capital galega. A conselleira do Mar anunciaba esta mañá nunha entrevista en directo emitida pola TVG “a anulación do borrador da Lei de Acuicultura e a súa retirada da exposición pública”. Deste xeito, e tras semanas de resistencia, a Xunta de Galicia acata o clamor popular; que esixía a retirada absoluta dun texto que, segundo todos os expertos, puña en risco a pervivencia dos actuais modelos produtivos, a calidade das augas e a riqueza produtiva das rías, ao abrir a porta á instalación de macroproxectos piscícolas. Despois de moitos días de xuntanzas, intentos de negociación e asembleas; as xentes do mar acollían hoxe a boa nova con certa incredulidade. E é que non hai máis dun mes que a Consellería aceptara introducir modificacións ao texto; mais resistíase a acatar a retirada definitiva reclamada por Confrarías, colectivos mexilloeiros e outras entidades, como a Asociación pola Defensa da Ría.

O patrón maior do Grove entende que, chegados a este punto, o mellor é aproveitar o alto nivel de implicación e mobilización acadado para levar a Santiago a imaxe dun sector do mar unido, e disposto a loitar por acadar diversas melloras. O labor divulgativo realizado dende o pósito meco xa conseguiu encher oito autobuses; e convencer a moitas persoas máis que, tal e como asegura o patrón, planeaban asistir á manifestación empregando o transporte público ou os seus propios coches “para aproveitar o día”. A todos eles Otero, así como o conxunto de pósitos integrados na Federación de Confrarías, piden que non se boten atrás e asistan á convocatoria. “Os patróns maiores xa tiñamos acordado con anterioridade que aínda no caso de que se retirase o anteproxecto de lei, a manifestación iría adiante”, explica o voceiro da Confraría do Grove. Mellorar o saneamento para garantir a calidade das augas e a pervivencia dos seus recursos; loitar contra a contaminación; garantir a pervivencia dos bancos de libre marisqueo; ou acadar unhas cotas de captura (TACs) máis acordes ás necesidades da flota artesanal galega; son os obxectivos polos que os pósitos ven necesario manter a convocatoria deste sábado. “Un dos problemas máis graves que ten a flota de artes menores do Grove neste momentos son os TACs. O ano pasado a raia pechou en xuño, cando non tiñamos pescado case nada aínda. E no caso da xarda, desde 2012 os galegos somos a terceira división”, explica Otero, que asegura que os cupos de capturas priman a cántabros e asturianos; e “no caso dos vascos, son cinco veces maiores que os permitidos para un barco galego das mesmas características”.

Buses desde O Grove, previa inscrición O patrón maior e o presidente de Amegrove reuníronse esta tarde de martes co alcalde para solicitar o apoio do Concello ao acto reivindicativo previsto para esta fin de semana. Tanto respaldándoo fisicamente coa súa presenza, como axudando a costear a flota de autobuses que levará aos veciños do Grove ata a capital galega. Peticións que o goberno local ten aceptado. Os que queiran facer uso deste transporte, que partirá ás 9.30 da Praza do Corgo, deberán anotarse antes na Confraría. Pola súa banda, Amegrove convocará nos vindeiros días aos seus socios para decidir en asemblea se manteñen os autobuses que ían levar aos membros da cooperativa e aos seus familiares e achegados a Santiago.

A manifestación sairá da Alameda compostelán ás 11.30 horas deste sábado para percorrer as rúas da Senra, Doutor Teixeiro, República Arxentina, O Hórreo, Orfas, Cantón do Toural, Rúa Nova, Xelmírez, Fonseca, e O Franco, e rematar na Praza do Obradoiro.

etiquetas :Amegrove S. Coop. Galega, Lei Acuicultura