Todogrove O Quinteiro de Temperán abre as súas portas cunha sesión de contos a carón do lume

10
o-quinteiro-de-temperan_img618090t0m0w1600h8001

 

Historias contadas ao pé da lareira, cun anaco de pan con chourizo e unha taza de tinto para quentar o bandullo. É a proposta que este sábado inaugura a actividade no Quinteiro de Temperán; unha antiga casa de labranza do século XVIII situada no lugar dos Cacheirás, na parroquia de San Vicente, que ven de abrir as súas portas para incrementar a oferta museística e de divulgación etnográfica existente no municipio. Celso Fernández Sanmartín será o narrador protagonista da sesión de literatura oral que se celebrará a partir das oito do serán. Debido ao limitado aforo do recinto as entradas xa poden adquirirse, ao prezo de oito euros, no propio Quinteiro ou no supermercado Inés.

Hai meses que en Temperán comezou a tomar forma unha idea, moi enlazada con outras actividades divulgativas de carácter tradicional, como a Festa da Malla, que os veciños de San Vicente celebran con éxito dende hai xa varios anos. Tratábase de rehabilitar unha antiga vivenda en desuso para convertela nun espazo museístico dende o que dar a coñecer antigos costumes, traballos e xeitos de vida ligados ao agro. Unha iniciativa de enorme valor etnográfico, que se ten convertido nun ambicioso proxecto.

Pasear polo Quinteiro de Temperán é transportarse a outra época. E é que todos e cada un dos mobles, enseres e útiles que enchen as estancias e os distintos espazos da casa teñen sido rescatados do abandono e do esquecemento para permitir que as novas xeracións coñezan como era, algún tempo atrás, o día a día dos seus ancestros.

Se a propia vivenda en si; coa súa estrutura tradicional que inclúe adega e o quinteiro con alboio que lle dá nome; alberga un enorme valor etnográfico; o enorme compendio de aparellos e enseres que contén convértena nun reduto alleo ao paso do tempo. E é que o deseño está pensado para amosar as dúas vertentes da vivenda no agro: a casa “como espazo produtivo e reprodutivo”, no que a cara máis íntima do día a día familiar se conxugaba con actividades de carácter económico ou social que a convertían, tamén, en espazo de traballo.

Xunto ás estancias reconvertidas en espazos expositivos permanentes, o Quinteiro conta cunha zona pensada para exposicións, proxeccións, aulas e obradoiros; dando forma a un “lugar de encontro, reflexión e confluencia para as persoas interesadas no coñecemento e divulgación da cultura tradicional”. Deste xeito, O Grove pode presumir de contar xa cunha nova instalación museística de corte etnográfico; na liña da que, dende Punta Moreiras, ten convertido en obxecto de estudo e goce a cultura marítima e o desenvolvemento da salga e da industria conserveira na localidade.