Todogrove Os grovenses vólcanse co Serán Solidario e aportan mil quilos de alimentos

4
Serán Solidari
Serán Solidari

 

O encontro de música tradicional que o colectivo cultural Paradanda organizou este domingo á noite no pavillón do Monte da Vila foi todo un éxito. Os veciños responderon masivamente á convocatoria da asociación, que grazas ás aportacións da poboación local conseguiu reunir aproximadamente unha tonelada de produtos alimenticios para a Fundación Amigos de Galicia. A oitava edición do Serán folclórico impulsado pola sección cultural de Mecos foi este ano especial. E é que en Paradanda quixeron darlle un valor engadido ao evento, facendo del un instrumento para recadar doazóns para as familias que máis o precisan. O Grove é, a día de hoxe, o concello galego onde, porcentualmente, máis axuda presta Amigos de Galicia. Concretamente, a fundación reparte mensualmente alimentos a 53 familias mecas. Ou o que é o mesmo: a 205 persoas, das cales 53 son menores de idade. Ademais, tamén se encarga de achegarlles outro tipo de produtos de primeira necesidade, roupa e mesmo libros de texto e, no Nadal, xoguetes novos para os cativos. Sabedores das dificultades económicas que atravesan algúns dos seus veciños, en Paradanda non o dubidaron. Nin tampouco o público que asistiu ao festival cargado coas bolsas do supermercado, depositadas a xeito de boleto de entrada.

A cambio da satisfacción pola axuda prestada, os numerosos veciños que encheron a gradaría do pavillón puideron gozar, entre as seis da tarde e as once da noite, das actuacións de música, canto e baile tradicional que se lles ofreceron, e que fixeron que a animación non decaese no recinto.

Comentarios