Un faladoiro aborda a perda de dereitos derivada do traballo non remunerado e precario

14
faladoiro-3-150x150-1004394

 

Que as mulleres continúen a dedicar máis tempo que os homes ás tarefas do fogar e aos coidados de fillos e maiores dependentes; ou que sexan as que máis recorren a reducións de xornada para facerse cargo de responsabilidades que moitas veces as levan a traballar en precario; son cuestións que exceden, con moito, o ámbito privado. E que, na realidade, tradúcense nunha perda de dereitos do colectivo feminino: á hora de acceder a prestacións por desemprego, pensións de xubilación ou simplemente ao sistema sanitario público. Da realidade sociolaboral e de todo canto ésta implica falaron Mari Fidalgo e Leticia Castro no faladoiro “Da centralidade do emprego á centralidade da vida”; celebrado o venres na Sala das Cunchas e enmarcado na programación municipal para o Día Internacional da Muller.
Un nutrido grupo, integrado principalmente por mulleres, pero entre o que tamén se contaron algúns homes, deuse cita no Concello para participar na sesión. Fidalgo e Castro encargáronse ir marcando as pautas dun faladoiro que destacou polo seu alto nivel de participación; e no que poñentes e público diluíron fronteiras formando un gran corro, que serviu para compartir vivencias, impresións e puntos de vista; reflexionar; e buscar unha visión máis global sobre as repercusións económicas, sociais e psicolóxicas que o desigual acceso ao mercado laboral ten para as mulleres.

faladoiro-3-150x150-1004394